11 marzo 2008

A Gardería

La Voz de Galicia:

Vicepresidencia e o Concello resolven o conflito aberto na gardería cambadesa.

Tras meses de discusións e de enfrontamentos, Vicepresidencia da Xunta e o Concello de Cambados liquidaron as súas diferenzas sobre a gardería municipal. Así polo menos confirmárono onte fontes da Administración autonómica, que aseguraron que o centro estaba completamente regularizado. Proba diso é que, ademais, a Xunta renovou as subvencións que concede para o funcionamento destas instalacións, que fora suspendidas o pasado ano. Todo o conflito comezou cunha inspección que os servizos de Vicepresidencia realizaron ás instalacións cambadesas. Alí atoparon unha serie de irregularidades polas que, en comunicado de prensa e sen avisar ao Concello, recomendaban aos pais que non levasen aos seus fillos a este centro escolar. A escola, denunciaban os inspectores, tiña cinco aulas en funcionamento e só tiña permiso para catro. A resposta do Concello de Cambados non se fixo esperar. Alegou que toda a documentación estaba en regra e que todo tería que deberse a un erro de Vicepresidencia. Esta decretou, primeiro, o peche da quinta unidade e, en vista de que o Concello incumpría esta medida, paralizou as subvencións para o mantemento da gardería e tamén o pago das obras da ampliación. Durante semanas, ambas as administracións acusáronse mutuamente do erro, aínda que se mostraban a disposición de liquidar toda a situación. Vicepresidencia pedía a Cambados que rectificase, que solicitase a autorización para a quinta aula e todo quedaría solucionado. O Concello, pola súa banda, esixía á Administración autonómica que emendase o erro e permitise que a gardería seguise funcionando correctamente. Ao mesmo tempo, presentou ata tres recursos contenciosos coas decisións da Xunta que, actualmente, aínda non se resolveron. Cambio nos mandos Foi coa marcha do responsable de Relacións Institucionais, Antón Losada, que o conflito comezou a ver o seu fin. Ambas as administracións achegaron posturas, aínda que coa máxima discreción. O único que transcendeu deste conflito, a partir de entón, é que se estaba buscando unha saída negociada. O Diario Oficial de Galicia confirmaba onte que a situación volveu á normalidade. Entre a lista de centros de educación infantil que van percibir axudas de Vicepresidencia figura o de Cambados, proba de que se levantou a suspensión das subvencións. 39.200 euros concede a entidade á gardería cambadesa para o seu funcionamento anual. Fontes de Vicepresidencia ratificaron onte o evidente: «Cambados vai recibir axudas. A escola de infantil xa se atopa en situación regular».

1 comentario:

Anónimo dijo...

Parece ser que as cousas volven ao rego (cuestión ista que se puido arranxar moitísimo antes, pero a CT, ninguen lle gaña en "touridez") e os que supostamente denigraron ao pobo de Cambados, segundo o sr. Corres Tourís, non son tan malos e desde logo non teñen tan pouco sentidiño común como quen afirmou tal cousa, inventándose unha guerra na que el facía de agresor e de agredido.